Rei Pescador
Rei Pescador, Rei Tolleito ou Rei Ferido é un personaxe que aparece nas lendas artúricas como o derradeiro dunha estirpe de protectores do Santo Graal. Hai distintas versións sobre a súa historia e varían bastante, porén, en todas elas o rei está eivado na perna ou nas éngoas e é incapaz de se mover por si só.
Ó estar mancado, o seu reino tamén sofre xunto a el. A impotencia do rei tradúcese nunha perda de fertilidade do reino e isto convérteo nunha paraxe desolada. Varios Cabaleiros chegan ó reino do Rei Pescador para tentar curalo, mais só o elixido poderá acadar tal fazaña. Nas primeiras historias, o elixido é Perceval, mentres que noutras, únenselle Galaaz e Bors.
Algúns relatos artúricos falan de dous reis pescadores que viven no mesmo castelo, pai e fillo (ou avó e neto). O máis vello fica dentro do castelo pola seriedade das súas feridas e porque só o Santo Graal o sustenta. O máis novo pode saír e recibir hóspedes.
Posíbeis orixes do nome
[editar | editar a fonte]O título de "Rei Pescador" ten varias posíbeis orixes e non necesariamente excluíntes:
- O simbolismo cristián, onde o peixe é unha representación de Cristo.
- A mitoloxía celta, onde se atopa a lenda do 'salmón da sabedoría'.
- Un xogo de palabras en francés, na que as palabras francesas pescador e pecador soan de xeito moi semellante (pêcheur e pécheur).
- Un pescador repetiu a milagre de Xesús, coa axuda do Santo Graal, de multiplicar os peixes e o pan para dar de comer a unha multitude. Despois diso nomeárono rei e de aí vén o título de 'Rei Pescador'.
Perceval de Chrétien de Troyes
[editar | editar a fonte]O Rei Pescador aparece orixinalmente no romance inacabado de Chrétien de Troyes, Perceval ou le Conte du Graal ("Perceval, a Historia do Graal"). Non son explicadas nin a súa ferida nin a so seu pai, mais Perceval descobre posteriormente que os reis sandarían se el atopase o Graal. Tamén descobre que é da liñaxe dos Reis do Graal a través da súa nai, que é filla do Rei Pescador máis vello. Namentres, o poema remata ante de que Perceval puidese retornar ó Castelo do Graal.
Chrétien nunca chegou a empregar o adxectivo "sagrado" para o Graal, xa que asumía que a súa audiencia xa estaría afeita ó termo.
Traballos posteriores na Idade Media
[editar | editar a fonte]O próximo traballo sobre o tema foi en Joseph d'Arimathie de Robert de Boron, o primeiro a asociar o Graal a Xesucristo. Nesta obra, o "Pescador Rico" chámase Bron e é cuñado de Xosé de Arimatea, que usara o Graal para gardar o sangue de Cristo antes de o deitar na tumba. Xosé entón atopa unha comunidade relixiosa que viaxa para a Bretaña e confía o Graal a Bron.
Wolfram von Eschenbach baséase na historia de Chrétien e a expande no seu épico Parzival. Reinterpreta a natureza do Graal e a comunidade que o coida, nomeando os personaxes, algo que Chrétien non fixera. O rei pai é "Titurel" e o rei fillo é "Anfortas".